Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Defensor del Pueblo recomenda á Xefatura Superior de Policía de Galiza que responda de maneira axeitada ás denuncias da cidadanía

O Defensor del Pueblo vén de recomendar á Dirección Xeral da Policía que dite as instrucións oportunas para que a Xefatura Superior de Policía en Galiza responda adecuadamente ás queixas ou denuncias presentadas polos cidadáns e cidadás, informando das actuacións e das medidas adoptadas por esta institución.


A recomendación responde á queixa traslada ao Defensor del Pueblo por Dereitos Civís, ante o arquivo sistemático por parte da Xefatura Superior de Policía de Galiza das múltiples denuncias presentadas por falta de identificación dos/as axentes (un dos motivos polo que o portavoz de Dereitos Civís considera que foi acosado polos funcionarios do CNP recentemente)

Esta recomendación debería implicar que partir de agora a Xefatura de Policía de Galiza aclare, entre outras cuestións, por que entende que os seus funcionarios e funcionarias non incorren en infracción cando non levan á vista o seu número de placa. Isto afecta a ducias de denuncias que Dereitos Civís presentou, pois a ausencia de identificación visíbel nas actuacións dos axentes é práctica habitual en Galiza.

Hai que lembrar que é obrigatorio que os/as funcionarios/as dos corpos e forzas de seguridade do estado leven nun lugar perfectamente visíbel a placa-emblema co número de identificación persoal. Non facelo supón o incumprimento dunha obriga legal e, tal e como recolle nun dos seus informes o Defensor del Pueblo, "cando non se dá cumprimento a dita obrigación baléirase de contido o dereito dos cidadáns e prexudícase gravemente a posibilidade de determinar a responsabilidade en que puideran incorrer os funcionarios policiais nas súas actuacións”.

Porén, a Xefatura Superior de Policía de Galiza responde sempre arquivando as denuncias presentadas por estes feitos, sen molestarse en realizar sequera unha comprobación da situación relatada e considerando que os axentes non incorren en infracción. Un exemplo deste proceder atopámolo na denuncia que Dereitos Civís presentou o pasado mes de marzo pola falta de identificación de funcionarios policiais en Riazor.


A denuncia ía acompañada dunha imaxe na que se pode comprobar que o lugar onde debería estar impreso o número de placa está tapado. A Xefatura Superior de Policía, nun breve escrito que non aclara nada en relación coa denuncia, dá a entender que non houbo infracción. En escritos posteriores chega a pór en cuestión a "veracidade ou constatabilidade" da denuncia e, finalmente, o 9 de agosto, recoñece que actuou así porque -segundo afirma- a fotografía remitida non permitía comprobar o denunciado. Non obstante, a Xefatura non solicitou a foto orixinal para poder realizar a comprobación.

Para Dereitos Civís resulta moi curioso que a administración policial non sexa capaz identificar a un dos seus funcionarios por unha fotografía pouco nítida, mais ten plenas capacidades para identificar a presuntos infractores con meras descricións ou imaxes borrosas.

Dereitos Civís agarda que a Xefatura Superior de Policía de Galiza siga a recomendación do Defensor del Pueblo e atenda de maneira adecuada as denuncias e queixas da cidadanía nun exercicio de garantía dos dereitos.