Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Delegado do Goberno non é un exemplo no cumprimento da legalidade

Nunha entrevista publicada no día de hoxe o Delegado do Goberno amósase sorprendido pola protesta da CIG e do BNG durante a visita de Angela Merkel. Afirmou que non se cumpriu a lei e que se exerceu a violencia.

O Sr. Manuel Juárez parece botar de menos a violencia real ao cualificar de violencia a actuación cidadán durante a visita de Angela Merkel. Parece botar de menos unha violencia que xustifique a reacción policial. 

O Sr. Juárez esquécese que os funcionarios da UIP non estaban moi lonxe, estaban no reitorado, e a falta de material antidisturbios dos axentes que actuaron, como a falta de intervención da UIP, foron decisións políticas do Delegado do Goberno motivada pola visita da presidenta de Alemaña. Decisións que se distancia moito do habitual nas rúas de Galiza onde o número de antidisturbios pasaron de 100 a 150.

Resulta abraiante que o Delegado do Goberno considere que ten a lexitimidade necesaria para dar leccións de cumprimento da legalidade vixente cando fuxe de esixila nos ámbitos que depende del e nos que lle corresponde. Nos que ademais está obrigado a facelo.

Sería interesante que o Delegado do Goberno explicara porque os funcionarios policiais non portan as identificacións obrigatoria (incluso un comisario xefe), porque non se investigan aos funcionarios policiais que emiten informes falseados (incluso  cando hai probas periciais da falsidade), porque non investiga os incumprimentos da normativa seguridade privada que recibe, porque o axente ao que gravaron ameazando a unha manifestante que lle pediu a identificación non foi amoestado, porque sigue negando que se limita a circulación a galegofalantes durante o 24 e 25 de Xullo, porque se sigue limitando a exhibición da bandeira galega en actos deportivos cando un informe do Valedor do Pobo recomenda non facelo, que explique porque é habitual que o "Defensor del Pueblo" lle reclame que conteste ás petición que lle formulan os cidadáns de Galiza, de porque o Consello Autonómico de Seguridade Cidadá non se reúne desde a súa constitución en febreiro do 2007...  e podería continuar.

O Delegado do Goberno debería ser o primeiro en dar exemplos para poder esixir exemplaridade aos demais. 

É o continuo dobre raseiro no que a cidadanía ten que cumprir as normas mentres o estado incúmpreas sen ningunha consecuencia.

O Sr. Juárez debería de deixar de chamar violencia o que, como moito, é desobediencia. O Sr. Juárez debería deixar de fomentar a violencia real.

dc: np: