Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

Compostela xustifica as videocámaras polas concentracións no Obradoiro, liortas e persoas ouriñando

  • O concello solicitou cámaras para "asegurar a protección dos edificios e instalacións públicas e dos seus accesos, constatar as infraccións da seguridade cidadá e previr a causación de danos en bens e persoas
  • Sen embargo non hai máis que 1,41 dilixencias policiais á semana na zona vella e tratan fundamentalmente sobre concentracións no Obradoiro, liortas e persoas ouriñando
  • O único delito grave acontecido tivo lugar nunha zona videovixilada sen que a cámara o evitara. 
O Concello de Compostela ven de enviar a DC os datos sobre delincuencia que remitiu á Delegación do Goberno para xustificar a existencia de videocámaras, e no período dun ano houbo 74 dilixencias policiais na zona vella. O 21,62% corresponde ao cómputo de participantes nas manifestacións acontecidos na praza do Obradoiro, o 13,52% a "liortas" (algunha dentro de establecimentos) e un 6,76% a detección de persoas ouriñando na vía pública. 

Sorprende que se excluímos a Praza do Obradoiro (onde o 38% corresponde a concentracións e o resto a banalidades como a caída de tellas, persoas ouriñando ou a retirada dun enxame de abellas...) soamente un 18,75% das actuacións policiais tiveron lugar nalgún lugar videovixilado. O restante, na enorme maioría dos casos asuntos de trámite e sen importancia, foron en rúas sen videovixilancia, que o concello utilizou igualmente para xustificar a necesidade das videocámaras.

A utilización das videocámaras no Obradoiro é un exemplo da banalización duns dispostivios cuxa norma recoñece que poñen en perigo dereitos fundamentais. SACAR UN ENXAME DUN ANDAMIO, vixiar un belén (e non evitar o roubo dunha figura), OBSERVAR A CAÍDA DUNHA TELLA, observar que se desprenden os andamios da catedral, observar como se desmaia unha persoa, observar uns carteis convocando a unha concentración, o furto dunhas postais, identificar a un mendigo e unha persoa cun can solto (supoñemos que serían identificados por un policía, non pola cámara), observar a caída dunha persoa, observar unha pintada, detectar a entrada de persoas en cabalo ou en trineos no Obradoiro, UNHA REUNIÓN DE VECIÑOS COA ALCADÍA, observar unha carpa que sae voando e detectar un vendedor ambulante non parecen xustificación suficiente para a instalación de videocámaras.

Fora do Obradoiro aconteceu o feito máis relevante: Unha dilixencia por abuso sexual que tivo lugar en Cervantes (zona videovixilada) que deixou en evidencia "o principio de idoneidade" (necesario para que se conceda a autorización da videocámara), pois non evitou que se dera o abuso. É máis, non consta que se dera ningún abuso sexual en ningunha outra zona non vixilada de toda a zona vella. Tamén na Praza de Cervantes tiveron lugar 2 das 10 liortas existentes na zona vella, sen que as cámaras foran un impedimento para que se deran.

Sobre as dilixencias de atentando ou falta de consideración a axentes policiais, non queda clara a utilidade das cámaras, e quedan en entredito os principios de idonedidade e proporcionalidade, xa que non evitaron que aconteceran e ocurriron xusto ante axentes policiais, motivo polo que non serían necesarias as cámaras. 

Os danos en vehículos e inmobles aconteceron fora de zonas videovixiladas, máis non aclaran a utilidade das cámaras para evitalos. O estudo sobre a eficacia das videocámaras realizado pola Universidade de Málaga detectou que o roubo de coches aumentou na zona videovixilada.

Nos datos remitidos polo concello recóllese a detención dunha persoa en busca e captura e o incumprimento dunha orde de aloxamento, sen aclarar a utilidade das cámaras neses casos, a non ser que as cámaras do Compostela dispoñan de recoñecemento facial e sexan capaces de realizar cruces con algunha base de datos. Sen embargo hai que ter en conta que o asunto relacionado có incumprimento da orde de aloxamento aconteceu nunha rúa sen videovixilancia.

Tamén están 2 lesións na vía pública en rúas sen videovixilancia e non se entende como se podería evitar a caída de dúas persoas existindo videocámaras.

Sobre a identificación de dúas persoas e a dilixencia por roubo (todas acontecidas en rúas sen videocámaras) tampouco queda claro a utilidade das cámaras para esas dilixencias.

O efecto das videocámaras sobre a venda de drogas é o desprazamento da mesma a outra rúa, segundo os estudos realizados.

O informe remitido á Delegación do Goberno resulta case ridículo se temos en conta o volume de dilixencias existentes, os asuntos das mesmas e a idoneidade das cámaras para evitalas.