Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

DC pide ao Defensor do Pobo que recomende a Protección de Datos que investigue adecuadamente as denuncias que se lle formulan

Dereitos Civís vén de dirixirse ao Defensor do Pobo para que recomende á Axencia española de Protección de Datos que realice de xeito eficaz e adecuado as investigacións necesarias antes de arquivar as denuncias presentadas pola cidadanía e as organizacións sociais ante posíbeis casos de vulneración de dereitos en materia de protección de datos.

A queixa ao Defensor faise logo de que a AEPD arquivara unha denuncia de Dereitos Civís pola irregularidade de dúas cámaras de videovix


ilancia instaladas na fachada da sede do PP de Lugo, xa que estas estarían a gravar un amplo espazo da vía pública (arredor de 40 metros de rúa), infrinxindo así o estabelecido na lei de protección de datos.

Porén, a pesar das probas remitidas, a AEPD procedeu a arquivar a denuncia (contra da que se presentou recurso de reposición que foi inadmitido), mais sen ter analizado a documentación achegada por Dereitos Civís. Un feito que esta organización puido comprobar, xa que os documentos foron enviados vía telemática a través dun enlace para descargar que computa o número de descargas realizadas. En datas posteriores á resolución do recurso o número de descargas desta documentación era 0. Tamén se solicitou copia íntegra do expediente ao Portal de Transparencia e na documentación entregada non constaba as probas remitidas.

A denuncia contra a instalación das cámaras produciuse tras aparecer publicadas nun periódico unhas imaxes captadas polas, que foron utilizadas como proba contra unha muller supostamente relacionada cun acto de vandalismo (aínda que finalmente resultou que a muller identificada polas imaxes non tiña relación ningunha con tales feitos).

Falta de revisión de toda a documentación remitida

Na súa denuncia, DC achegaba como documentación as fotos publicadas nos xornais, así como as dilixencias previas do Xulgado de Instrución 2 de Lugo, nas que se recolle o atestado da Policía Local conforme se dirixiron ao responsábel da sede do PP para pedirlle a gravación das cámaras de vixilancia.

No seu informe, a policía fai unha descrición das imaxes captadas polas cámaras que resultan incompatíbeis coa gravación do espazo mínimo necesario da vía pública que permite a lexislación vixente. Así os axentes fan referencia a un percorrido de máis de 40 metros nos que se ve a unha persoa que sería imposíbel visualizar de existir as máscaras de privacidade que o Partido Popular afirma ter. Unhas máscaras que tampouco se aprecian nos fotogramas difundidos na prensa.

É dicir as cámaras non se limitan a gravar a fachada do edificio senón que tamén gravan varios metros do outro lado da rúa. De feito, o control de portas e fachadas parece unha actividade residual na vixilancia realizada polos dispositivos. Aínda así, os funcionarios policiais que visualizaron as imaxes non informaron do alcance das gravacións aos órganos competentes.

Doutra banda, cómpre subliñar que as imaxes nas que se ve á muller cruzando a vía pública foron filtradas á prensa antes de que chegaran aos xulgados, facéndose unha utilización incompatíbel das mesmas coa finalidade das gravacións realizadas. Incompatibilidade que está sancionada na lei de protección de datos e que atenta contra a intimidade das persoas, e mesmo contra a presunción de inocencia ao darse por autora dos destrozos no contedor a unha muller que resultou non ter relación algunha cos feitos.

Dubidosa actuación da AEPD

Así as cousas, a AEPD non analizou toda a documentación remitida polo DC, realizando unhas dilixencias previas nas que dá por boas as probas presentadas polo PP sobre a legalidade das súas cámaras. Unhas probas nas que non remitiu a autorización gobernativa preceptiva para a vixilancia da vía pública; nas que remitiu unha foto do cartel informando da existencia de cámaras que poden estar nese edificio ou en calquera outro; nas que se presenta a foto dunha porta como proba de que esta está pechada con chave e dentro se encontra custodiada a pantalla onde se visualizan as imaxes das cámars; nin tampouco se acredita adecuadamente a aplicación das máscaras de privacidade.

O PP tamén enviou á AEPD un documento de seguridade do ficheiro de videovixilancia (obrigatorio por lei) que ten a data de elaboración posterior á captación das imaxes publicadas e utilizadas nas dilixencias xudiciais. Iso sen mencionar que a AEPD non se interesou por como chegaron aos medios de comunicación esas imaxes.

Diante desta dubidosa actuación da AEPD e a falta de comunicación das autoridades competentes da posíbel infracción administrativa detectada, Dereitos Civís dirixiuse ao Defensor do Pobo solicitándolle que recomende a Axencia que realice as dilixencias previas de investigación de forza eficaz, aclarando as contradición detectadas nas denuncias e realizando as inspeccións oportunas nos casos que se necesite

.