Ir al contenido principal

A policía continúa sen explicar por que motivo identificou en Galiza a varias persoas durante a Volta Ciclista do ano 2014

A policía nacional española continúa sen aclarar por que motivo procedeu a identificar a preto de decenas persoas durante o paso da Volta Ciclista por Santiago de Compostela no ano 2014. Dáse a coincidencia de que todos os cidadáns e cidadás aos que os corpos de seguridade lle requiriron presentar o DNI levaban bandeiras galegas.

A pesar dos escritos remitidos por parte de varios dos afectados á Delegación do Goberno e á Xefatura Superior da Policía de Galiza interesándose polos motivos da súa identificación, ningunha destas institucións foi quen de aclarar as razóns que levaron a esta actuación. De feito, A Xefatura de Policía contestou que as identificacións se realizaron ao amparo do artigo 20 da derrogada LO 1/92 de Seguridade Cidadá que ampara o coñecemento da identidade das persoas na vía pública sempre que esta fora necesaria para o exercicio da protección da seguridade.

Porén, a Xefatura Superior de Policía non explicou en ningún momento a razón que activaría a necesidade de identificación das persoas presentes para a protección da seguridade.

Pola súa banda, a Delegación do Goberno nas contestacións remitidas obvia calquera referencia á identificación de preto de decenas persoas en Compostela e só menciona unha actuación da policía ao paso da Volta pola cidade da Coruña, na que se identificou a un grupo de persoas que portaban unha faixa coa bandeira galega, que os axente impediron despregar.

En calquera caso, tanto a Xefatura Superior como a Delegación, como o Goberno español nunha contestación a unha pregunta sobre este tema no Congreso, negan que as identificacións se realizaran polo simple feito de portar simboloxía galega. Porén, tampouco achegan outro motivación plausíbel para proceder as identificacións e curiosamente, todos os cidadáns e cidadás ás que se lle requiriu presentar o DNI tiñan en común que levaban bandeiras da patria ou simboloxía galega.

Á vista dos feitos Dereitos Civís vén de presentar queixa diante do Defensor del Pueblo, xa que todo parece indicar era a única motivación para que os axentes de policía realizaran a identificación de decenas de cidadáns/ás galegos/as limitouse ao simple feito de portar simboloxía galega; unha actuación que vulneraría gravemente os dereitos fundamentais.

Dereitos Civís