Ir al contenido principal

A Valedora do Pobo investiga o IMELGA por certificar lesións que non existían

 
A principios de xaneiros, a Valedora do Pobo dirixiuse a Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para demandar información a respecto da certificación de lesións inexistentes por parte do IMELGA, que emitiu un informe -utilizado nun xuízo de faltas por agresións a un policía- que contradí o recollido no informe médico inicial e mesmo as declaracións do axente afectado.

Dereitos Civís presentou queixa na Valedora do Pobo por esta actuación, logo de constatar que o informe do IMELGA non coincidía co informe médico emitido pola clínica á que acudiu o axente logo dunha actuación policial en Compostela, durante xullo de 2014, que derivou nun xuízo de faltas contra un cidadán.

Tanto no atestado policial sobre os feitos como no parte médico emitido pola clínica, consta que un axente sufriu lesións superficiais na man dereita durante dita actuación policial.

Porén, no certificado realizado polo IMELGA, seis semanas despois dos sucesos, o axente afectado non só non mellora das súas feridas, senón que estas aumentaran e mesmo aparecen lesións na man esquerda. Así, os forenses do Instituto de Medica Legal de Galiza fan constar que o axente ten “excoriacións en ambas mans e secuela de 0.5 cm na aman esquerda”, derivadas dos feitos que se van xulgar.

Resulta cando menos curioso que o organismo público que "ten por misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense" certifique que o axente tiña lesións en dúas mans cando o parte médico do mesmo día dos feitos e o atestado policial só recollen lesión nunha man. Tamén resulta rechamante que certifique a existencia dunha cicatriz na man esquerda, que non ten nada que ver cos feitos que se van xulgar, e que sexa o propio axente quen desminta as lesións da man esquerda o día xo xuízo.

Fronte a este proceder, Dereitos Civís dirixiuse a Valedora do Pobo para que indague sobre a certificación realizada, a que intereses e obxectivos responde este dubidoso proceder, así como que recomende ao IMELGA que emita informes obxectivos que sirvan de asistencia técnica fiábel aos tribunais, fiscalías e xulgado sobres os feitos realmente acontecidos.

Dereitos Civís