Ir al contenido principal

O Director Xeral nega que a Policía teña competencia sobre asuntos que a Delegación de Goberno afirma que os axentes están inspeccionando

O Director Xeral da Policía, Ignacio Cosidó, denegou copias de expedientes de denuncias de cámaras e videocámaras a Dereitos Civís, afirmando que o Corpo Nacional de Policía non tiña competencia para tramitar as denuncias recibidas sobre estes dispositivos de vixilancia, e que non existía máis documentación nos expedientes que a achegada polo propio denunciante.



De feito, o responsábel da Policía mesmo asegurou nos escritos de resposta a Dereitos Civís que se permitiu o acceso aos expedientes completos, “se ben non se facilitou ningún tipo de documentación xa que estes expedientes só constan dos escritos enviados polo comunicante e a contestación por parte das dependencias policiais”, nas que se precisa a non competencia do Corpo de policía sobre os feitos denunciados.

Por exemplo, unha das contestacións veu fiada á denuncia presentada por Dereitos Civís ante a Delegación do Goberno interesándose pola a autorización dunhas cámaras de vixilancia nun polígono de Silleda. A institución gobernamental sinalou na súa resposta que, de acordo co informe emitido pola Unidade de Seguridade Privada da Comisaría de Policía de Pontevedra, non se atopara ningunha infracción na instalación das mencionadas cámaras.

É dicir, si se producira unha inspección por parte da Policía. E tendo en conta que nunha comunicación anterior a Delegación asegurara que o Concello de Silleda non dispón de autorización gobernativa para vixiar a vía pública (requirimento previo para a instalación de cámaras que si é constitutivo de infracción), Dereitos Civís solicitou ao Ministerio do Interior copia do expediente.

O Ministerio non admitiu a solicitude “por repetitiva”, asegurando que non existe máis información que a documentación remitida polo denunciante e reiterando que a Policía non ten competencia na materia.

Porén, atendendo ao recollido nos escritos da Delegación do Goberno sobre a inspección realizada pola policía, vólvese pedir información. Mais nestes caso concreto non se solicitaba a copia do expediente, senón información concreta sobre a inspección que supostamente se realizou, a pesares de que o Director Xeral da Policía afirma que o corpo que dirixe non ten competencia para facer esa actuación.

O interese para Dereitos Civís por coñecer de forma indubidábel os datos sobre a realización da inspección é poder confirmar que nesta ocasión, e tendo en conta que se negou reiteradamente que fora posíbel facelo, a Policía Nacional personouse diante dos responsábeis da instalación e comprobou realmente que non se incumpría a legalidade vixente. Sobre todo, tendo en conta que a Policía non atopa ilegalidade ao mesmo tempo que a Delegación do Goberno recoñece que os denunciados non dispoñían de autorización gobernativa.

A resposta do Ministerio foi negativa outra vez e nos mesmos termos, mais desta volta obviando o parágrafo no que o Director da Policía afirmaba que non tiña competencia para tramitar as denuncias recibidas.

Por todo o anterior, entendemos que queda demostrado que o manifestado polo Director Xeral da Policía é falso, que existe competencia para realizar as inspeccións tantas veces solicitada, e denegadas, e que neste caso a Delegación do Goberno afirmou que se actuou segundo o solicitado pola denuncia en ducias de ocasións.

Gabinete de comunicación

Dereitos Civís