Ir al contenido principal

O Concello de Lugo afirma que se equivocou ao asegurar que todas as súas cámaras de vixilancia estaban autorizadas


O Concello de Lugo está realizar un exercicio de afirmacións e desmentidos totalmente insólito a respecto das cámaras de videovixilancia instaladas no termo municipal: primeiro dixo que non tiña, logo afirmou que si existían e que estaban autorizadas, despois informou que os dispositivos estaban apagados e finalmente afirma que se equivocou ao asegurar que estaban autorizados.

Ao tempo, o Valedor do Pobo, ante as queixas presentadas nesta institucións polas evidentes contradicións, asume con absoluta naturalidade calquera das informacións trasladadas pola entidade local sen facer ningún tipo de recomendación ante a falta de rigorosidade da entidade local.


Recapitulemos. Ante a queixa presentada en 2014 por Dereitos Civís a respecto dos sistemas de videovixilancia titularidade do Concello de Lugo, o goberno afirmou nun primeiro momento da existencia de varios destes dispositivos no Polígono do Ceao que supostamente están inactivos e sen facer ningún tipo de referencia a ningún outro dispostivo.

Ao existir varios rexistros de gravación inscrito na Axencia Española de Protección de Dato DC solicitou máis información ao Concello e este non contestou, por ese motivo DC presentou queixa ante o Valedor do Pobo e meses despois o Concello remite un informe da Policía Local no que se asegura que hai tres cámaras e que estas contan coa autorización pertinente. Con esta documentación, o Valedor da por concluído e ben feito o seu labor.

Porén, as aseveracións do goberno de Lugo quedan desmentidas cando Dereitos Civís solicita da Delegación do Goberno información sobre os sistemas de videovixilancia do Concello. A institución contesta que só está autorizada unha das tres cámaras do sistema para control das ventás arqueolóxicas (precisamente unha que se presupón apagada), e non está autorizado o uso de ningunha das videocámaras instaladas no Polígono do Ceao.

Logo destes cambios de parecer, o Concello de Lugo riza o rizo e finalmente acaba asegurando que”por un erro involuntario” se equivocou ao asegurar que tiña autorización en vigor para todas as cámaras.

É dicir, o Concello de Lugo mentiu ao Valedor ao asegurar que contaba con autorización para todas as cámaras instaladas, obviando a obriga legal de trasladar información veraz. Pola súa banda, o Valedor do Pobo mantén unha actitude totalmente pasiva nas súas investigacións, dando por veraz calquera data facilitado pola administración.

Tampouco fixo o Valedor ningunha recomendación ao Concello de Lugo para que remita información veraz, a pesar das continuadas contradicións nas que incorre o goberno local en cada unha das súas respostas.

Dereitos Civís