Ir al contenido principal

A Valedora do Pobo acorda tramitar unha queixa por falta de identificación de policías adscritos á Xunta de Galiza

Funcionarios con e sin indetificación o pasado
 26 de xaneiro diante do Parlamento
A Valedora do Pobo vén de comunicar a Dereitos Civís á rectificación no criterio para tramitar as queixas sobre a falta de identificación de funcionarios policiais durante as súas actuacións, uns días despois de informar que non podía tramitar unha queixa sobre esta cuestión porque descoñecía o número de placa dos mencionados policías.

Dereitos Civís saúda este cambio de parecer xa que a contestación anterior formulaba un paradoxo de difícil resolución ao reclamar a institución á persoa denunciante uns datos que descoñece e que son, precisamente, os que motivaron a presentación da queixa. Explicaba a institución no seu escrito que ao descoñecer o número de placa, “resulta difícil proceder a unha investigación que permita sacar conclusións efectivas”.

Como alternativa para obter datos, a institución pedía que se lle remitan imaxes dos axentes, para logo explicar que non é posible identificar os funcionarios xa que as súas caras están pixeladas. Curiosa resposta cando sabe perfectamente que os policías poden levar a cara tapada cunha “braga” ou co propio casco.

Agora, non obstante, a Valedora continúa pedindo “información concreta que nos permita esixir respostas tamén concretas nas nosas actuacións de supervisión”, mais para continuar coas pescudas sérvenlle as imaxes pixeladas dos funcionarios policiais, acompañadas de datos concretos como a hora, o día e o lugar da actuación policial. “Con esta información, solicitaremos da administración competente o informe preceptivo”, aseguran dende a institución.

Dereitos Civís aplaude que a institución decida, por fin, tramitar as queixas polo reiterado incumprimento da obriga que ten todos os membros dos corpos e forzas de seguridade de levar nun lugar ben visíbel a placa-emblema co seu número de identificación. Un incumprimento que, hai que lembrar, se perpetra sen ningún tipo de sanción para os axentes que a incumpren e coa conivencia dos mandos policiais.

Por iso, dende Dereitos Civís anímase a Valedora do Pobo a actuar con contundencia para, no marco das súas competencias, apuntalar o exercicio efectivo do dereito que teñen as cidadás e cidadáns a identificar os funcionarios policiais sen necesidade de realizar unha acción positiva e sen que, ademais, isto lle carrexe unha reacción prexudicial por parte do axente.

Precisamente é aí onde debería de actuar esa institución. Non pedir que se identifique a funcionario por funcionario e tratalo como actuacións individuais sobre as que os seus superiores (que visualizan perfectamente a ausencia das identificacións) non teñen ningunha responsabilidade por omisión.

Dereitos Civís