Ir al contenido principal

Delegación do Goberno e Policía Nacional ignoran que as cámaras de Viveiro funcionaban sen autorización


• Dereitos Civís denuncia que a Delegación do Goberno non está a actuar contra as administracións que manteñen medios de vixianza ilegais.

Foto: Progreso de Lugo
Compostela, 25 de abril de 2016.- En 2015 Dereitos Civís denunciaba diante da Axencia Española de Protección de Datos e da Delegación do Goberno as cámaras de vixianza instaladas polo Concello de Viveiro na casa consistorial. A denuncia estaba motivada na vulneración da lei 4/1997 e 5/2014, nas que se regula a utilización de videocámaras por forzas e corpos de seguridade en lugares públicas e os servizos de seguridade privada. Estas denuncias foron elevadas ao Defensor do Pobo.

DESCONTROL EN VIVEIRO

Resultado destas accións a Xefatura Superior da Policía en Galiza confirmou que o Concello de Viveiro estaba a utilizar as cámaras sen contaren coa preceptiva autorización administrativa. As explicacións ofrecidas polo Goberno Municipal de Viveiro incorreron desde un primeiro momento nunha clara contradición. En agosto de 2015 a Xefatura da Policía Local recoñecía por escrito que as cámaras foran instaladas en xaneiro de 2008 para “vixianza e seguridade de dito inmoble [a Casa Consistorial]”. A Xefatura aseguraba tamén que non tiña coñecemento de “se no seu momento se solicitaron os permisos obrigatorios” nin tampouco de se “as cámaras gravan todas ou parte delas de forma permanente ou a certas horas”.

Estas explicacións que para Dereitos Civís visan un “absoluto descontrol do Concello en relación coas cámaras”, chocan coas declaracións ofrecidas pola alcaldesa viveirense, María Loureiro, a finais do pasado mes de febreiro nas que a rexedora se amosaba “sorprendida” pola denuncia que provocou a desactivación temporal das cámaras diante das dúbidas sobre a súa legalidade. A propia alcaldesa asumía que a instalación de cámaras na rúa conta cunha forte oposición veciñal, polo que o Concello decidiu desistir polo momento do seu proxecto de novas cámaras para o Centro Comercial Histórico, cun custo de 30 mil euros. Unha iniciativa que era desde o primeiro minuto “incomprensíbel” para Dereitos Civís. No entanto, o colectivo amósase preocupado polo feito de que o proxecto non fose descartado de maneira definitiva, como se recolle nas declaracións de Loureiro nas que se amosaba partidaria de volver poñer o tema “enriba da mesa”.

SEN SANCIÓNS
O máis preocupante para Dereitos Civís é o feito de que nin a Delegación do Goberno nin a Xefatura Superior da Policía en Galiza teñan comprobado, mediante a inspección correspondente, que as cámaras instaladas no Concello de Viveiro estaban a funcionar sen autorización gobernativa.

Aliás, son reiteradas as denuncias trasladadas ao Defensor do Pobo nas que se recolle que a Delegación do Goberno e a Unidade Territorial de Seguridade Privada non actúan contra as administracións que empregan a videovixianza sen autorización ou para un maior campo de visión do que teñen legalmente autorizado. Emporiso, Dereitos Civís vén de instar ao Defensor do Pobo para que recomende á Delegación do Goberno a apertura de expedientes sancionadores.

Dereitos Civís