Ir al contenido principal

Protección de Datos declara infractor o Concello de Ribeira pola instalación ilegal de cámaras de videovixilancia

Imaxe captada polas cámaras de Ribiera
 e divulgada por distintos medios
Santiago de Compostela, a 22 de xuño de 2016:- A Axencia Española de Protección de Datos acaba resolver contra o Concello de Ribeira por infracción dunha falta moi grave na instalación das súas cámaras de videovixilancia. A AEPD dá un prazo de un mes ao goberno municipal para que corrixa todas e cada unha das irregularidades atopadas nos dispositivos.

O procedemento veu motivado por unha denuncia de Dereitos Civís, que dende hai anos vén alertando das numerosas ilegalidades na instalación e utilización do sistema de videocámaras do Concello. Na súa resolución, Protección de Datos reflicte que o Concello ten instalados dous sistemas, un na zona urbana (integrado por catro cámaras) e outra instalación no Polígono de Xarás (integrado por sete cámaras).

A finalidade declarada polo Concello para estas cámaras é o control do tráfico, e así o comunica nos informes remitidos á AEPD. Porén, estas cámaras están sendo utilizadas con outros fins, xa que se destinan a labores de videovixilancia de seguridade cidadá, tal e como o propio Concello de Ribeira asegurou nun documento dirixido ao Valedor do Pobo. Institución que, por certo, leva una ano agardando a que o goberno municipal conteste aos seus requirimentos sobre a situación das cámaras.

A vixilancia para a seguridade pública réxese por unha normativa distinta e precisa do cumprimento duns requisitos máis estritos que as cámaras colocadas unicamente para o control de tráfico. Por iso, recorrer a este tipo de instalacións para labores de vixilancia de seguridade pública é un proceder habitual entre as administracións locais, que con esta manobra tentan eludir a normativa de protección de datos.

Mais, a AEPD constatou que, tanto as cámaras da zona urbana como as do polígono, enfocan a partes da vía pública alleas ao control da circulación rodada, como parques, estacionamentos de naves industriais, beirarrúas, zonas de acceso, etc.; que o Concello non ten a autorización gobernativa preceptiva para a instalación deste tipo de cámaras; que non están habilitados os mecanismos para a recollida do consentimento das persoas gravadas na vía pública; ou mesmo que na descrición do ficheiro de datos en ningún momento se fai referencia ao control do tráfico.

Iso sen contar con que a instalación de cámaras que capten a vía pública con fins de seguridade cidadá é competencia exclusiva dos corpos e forzas de seguridade do estado e non pode recaer en empresas privadas de seguridade.

A vista destas manifestas ilegalidades, a Axencia de Protección de Datos abre entón período de proba e solicita do Concello de Ribeira que achegue a documentación pertinente sobre cada un destes puntos. Petición á que a administración local non contestou.

Diante disto, a Axencia vén de declarar que o Concello de Ribeira incorreu nunha infracción grave da Lei Órgánica de Protección de Datos, instándoa a cesar na súa actuación ilegal e requirindo á administración para que no prazo dun mes adopte as medidas necesarias para corrixir todas as irregularidades detectadas.

Dereitos Civís saúda a resolución da Axencia española de Protección de Datos, aínda que entende que chega tarde, e agarda tamén que actúe contundentemente contra o Concello de Ribeira, no caso de non regularizar as súas videocámaras conforme a normativa vixente.

Do mesmo xeito, Dereitos Civís ten que lamentar a nefasta actuación da Delegación do Goberno neste caso, xa que se negou a tomar medidas contra a administración local, a pesar de recibir a denuncia da utilización das cámaras sen a autorización pertinente. Unha vez máis, instamos á esta institución a que amose o mesmo celo e dilixencia á hora de sancionar ás administracións que incumpren a lexislación que o que ten para abrir expedientes a cidadáns particulares.

Dereitos Civís