Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

A Dirección Xeral da Policía considera que informar das razóns polas que se prohiben as "estreleiras" nos campos de fútbol pon en perigo a seguridade cidadá

A Dirección Xeral da Policía Nacional denegou informar dos motivos polos que as bandeiras galegas coas estrela vermella, bufandas, ou mesmo camisetas con trisqueles foron requisadas no partido entre o Leganés e o Celta do pasado 28 de xaneiro. Entende a institución que dar a coñecer os informes nos que se basea a policía para considera que a exhibición destes elementos podería incidir na seguridade do encontro deportivo pode, a súa vez, supor un risco para a seguridade cidadá.

Contestación da Dirección Xeral da Policía

A información foi solicitada a través do Portal da Transparencia e para negarse a contestar, a Dirección Xeral de Policía recorre ao artigo 14 da lei de transparencia e acceso á información pública, que limita o dereito de acceso cando a documentación a remitir supoña "un prexuízo para seguridade pública e a prevención, investigación e sanción de ilícitos penais, administrativos ou disciplinarios".

E aínda insiste a Dirección Xeral engadindo que "a inadmisión se fundamenta en que a información solicitada refire a aquelas materias e procedementos de análise e investigación que corresponde tutelas á Policía Nacional (...), ao obxecto de cumprir o mandato constitucional de protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá".

Coa súa resposta o Ministerio do Interior traslada a idea de que portar unha "estreleira" supón unha ilegalidade e pouco menos que parece indicar que a persoa que leva esta simboloxía, polo simple feito de exhibila, debería ser obxecto de investigación por supor unha ameaza pública e pór en risco a seguridade cidadá.

Ao tempo, a negativa a responder impide saber se existe algunha instrución dende a Dirección Xeral da Policía a respecto de impedir a presenza pública de símbolos de corte nacionalista ou se ben responde a unha actuación individual dos axentes. Isto último parecería digno dun apercibimento administrativo ao obxecto de que non se repetiran este tipo de actuacións discriminatorias. Porén, de haber unha instrución interna estaríamos ante a confirmación de que existe unha persecución institucional de toda a simboloxía nacionalista fóra do discurso do nacionalismo español, coa finalidade non só de ocultar esta realidade senón tamén de criminalizala.

En calquera circunstancia estamos diante dun atentado inxustificábel contra a liberdade ideolóxica e a liberdade expresión, dereitos fundamentais dos cidadáns e das cidadás nun estado que se queira considerar democrático. Non cómpre esquecer que estes dereitos están na base do pluralismo político e constitúen unha parte fundamental do desenvolvendo individual. Dificilmente a resposta da Dirección Xeral da Policía casa coa protección do libre exercicio dos dereitos e liberdades ao que fai mención no seu escrito.

E así o interpreta tamén o Defensor del Pueblo quen, en resposta a unha queixa presentada por Dereitos Civís, abriu expediente pola requisa de bandeiras e outros elementos no partido Leganés-Celta.