Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

Protección de Datos avisa por teléfono a denunciados pola instalación irregular de videocámaras para evitar sancionalos

  • A AEPD non fai constar nos expedientes a existencia de infraccións polo que as entidades denunciadas non serán multadas no caso de reincidir
Santiago de Compostela, a 26 de xaneiro de 2015:- A Axencia española de Protección de Datos (AEPD) arquivou dúas denuncias presentadas contra a instalación inadecuada de cámaras de videovixilancia, ao considerar o organismo que non se estaba a vulnerar a Lei Órganica de Protección de Datos e sen que se recollera nos expedientes a existencia de infraccións por parte das denunciadas.

Porén, unha vez solicitadas copias íntegras dos expedientes, pódese comprobar que nas actuacións prevías (tras das denuncias), a AEPD si detectou incumprimentos na instalación das cámaras, xa que algúns dos dispositivos estaban a enfocar parte da vía pública ou espazos do ámbito privado (como entradas a garaxes ou vivendas). Espazos para os que ambas instalacións non dispuñan de autorización.

Zona captada por unha das cámaras
Sorprendente resulta o proceder da AEPD, pois en lugar de propor ningún tipo de medida correctora, avisa telefonicamente as denunciadas para que corrixan as irregularidades reorientando as cámaras ou colocándolle máscaras. E finalmente, Protección de Datos pecha os expedientes sen deixar constancia da existencia destas infraccións no momento da denuncia.

Este modo de actuar resulta especialmente grave tendo en conta que a AEPD é un organismo con potestade para apercibir a unha infractora e deixala sen sanción, a non ser que esta sexa reincidente, pois nesta circunstancia está obrigada a sancionar.

Nos dous casos que nos ocupan, aínda que a Axencia detectou infraccións, estas non constan no expediente, polo que se as denunciadas volven incumprir a lei non se lles considerará reincidentes.

Neste senso, cómpre destacar que unha das instalacións xa fora denunciada en dúas ocasións ante Protección de Datos, non admitíndose a queixa. Logo da terceira denuncia, a denunciada responde que non se produciron variacións na situación das cámaras. Afirmación que resulta relevante á vista dos datos atopados no expediente, pois confirman que os dispositivos denunciados xa enfocaban espazos privados nas anteriores investigacións, polo que a denunciada sería reincidente e merecedora dunha sanción.

No segundo caso, ademais da gravación ilegal da vía pública constatada na revisión íntegra do expediente, na denuncia tamén se pedía investigar a difusión nos medios de comunicación das imaxes da zona pública captadas polas cámaras. Unha petición sobre a que a AEPD non realizou ningunha investigación.

Á vista destas actuacións que desvirtúan a finalidade para a que se creou a AEPD, Dereitos Civís vén de presentar queixa ante o Defensor del Pueblo para que faga as recomendacións necesarias para que se tramiten de forma efectiva as denuncias contra os dispositivos de videovixilancia, realizando as comprobacións precisas e evitar a impunidade coa que se incumpre a diario a normativa de protección de datos.