Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

A Defensora do Pobo insiste en pedir un aumento do tamaño do número de placa, cando boa parte dos policías nin sequera cumpren a obriga de ir identificados

A Defensora do Pobo leva cinco anos insistindo en solicitar á Dirección Xeral da Policía Nacional que dea instrucións para incrementar o tamaño do número de identificación das placas dos uniformes dos axentes. Unha iniciativa encomiábel pero que non resolve o verdadeiro problema de fondo: que os funcionarios policiais continúan sen levar o número de identificación nun lugar visíbel.

Hai cinco anos, Dereitos Civís presentou unha queixa ante a Defensora do Pobo sobre varias actuacións policiais. Ante a afirmación do Ministerio do Interior de que non era posible identificar aso funcionariso involucrados a queixa derivou na recomendación da institución á Secretaría de Estado de Seguridade para que os corpos de antidisturbios leven o número de identificación na parte posterior dos chalecos e na solicitude de incremento do tamaño do número de identificación da placa. 

A primeira recomendación foi aceptada e estase cumprindo parcialmente, pero no tocante á segunda petición a Defensora continúa realizando esforzos para que dende a administración estatal se dean instrucións para aumentar o tamaño da placa-emblema que deben levan todos os funcionarios policiais.

Un esforzo que resulta desconcertante á vista de que o verdadeiro problema radica en que os axentes de policía seguen sen portar o número de identificación nun lugar visíbel e sen que este incumprimento do regulamento lles supoña ningún tipo de sanción. Nos últimos dous anos Dereitos Civís presentou arredor de 20 denuncias contra axentes por non levar identificación, que se resolveron sen que se detectara ningunha infracción.

De feito, no último lustro en todo o Estado e segundo datos do Ministerio do Interior, como moito foron sancionados sete funcionarios policiais por non portar a placa-emblema; aínda que isto ben se pode deber a que no mesmo artigo polo que se sancionou aos policías recóllense outras infraccións como non levar a arma, a defensa, etc.

Polo tanto, escasa relevancia ten o tamaño da placa se a ausencia da mesma non ten consecuencias para os funcionarios policiais que non a levan. Exemplo flagrante desta situación é o caso acontecido nunha protesta celebrada diante do Parlamento galego en febreiro de 2013. 



No dispositivo policial despregado para a concentración, varios axentes non levaban o distintivo de identificación persoal. Unha cidadá requiriu a un dos policías para se identificar, ao que este non só se negou, senón que, en represalia ante a insistencia da muller, ameazouna con denunciala. Finalmente, o axente facilitoulle un número de placa falso e fixo efectiva a ameaza, cursando denuncia contra ela por suposta infracción na protección da seguridade cidadá.

A raíz das denuncias por estes feitos, a Xefatura Superior de Policía de Galiza acordou  incoar unha información reservada ao considerar que a actuación do policía puidera ser constitutiva dunha infracción de carácter grave, tal e como así se recolle no artigo 8 de da Lei Orgánica de Réxime disciplinario do Corpo Nacional de Policía.

Non obstante, a Dirección Xeral da Policía non procedeu á incoación do procedemento sancionador e arquivou o mesmo, ao entender que estaban prescritas as eventuais “faltas leves” que poderían ser obxecto de imputación.

O relato deste caso está recollido no informe anual da Defensora do Pobo (presentado onte mesmo) e nel afírmase: “a xuízo desta institución, a conduta de dito funcionario policial non pode considerarse unha falta de descoido no aseo persoal, un incumprimento leve das normas sobre uniformidade ou unha simple incorrección cos cidadás”.

Asegura a Defensora do Pobo que: “non portar o distintivo co número de identificación persoal supón o incumprimento dunha obriga legal, correlativa ao dereito dos cidadáns a identificar os funcionarios públicos. Cando non se dá cumprimento a dita obrigación baléirase de contido o dereito dos cidadáns e prexudícase gravemente a posibilidade de determinar a responsabilidade en que puideran incorrer os funcionarios policiais nas súas actuacións”.

De aí que a institución tamén recomendara á Dirección Xeral da Policía Nacional a modificación dos criterios que se seguen para sancionar os axentes que non cumpren a obriga levar sobre o uniforme, en lugar ben visíbel, a placa co número de identificación, especialmente se concorren circunstancias que permitan cualificar a conduta como grave.

A recomendación, segundo a Defensora do Pobo, foi aceptada, mais eses criterios non mudaron e cada día rexístranse casos de axentes que continúan sen cumprir a obriga de ir identificados con total impunidade. Resulta inconcibíbel que unha infracción tan grave e reiterada das obrigas legais, precisamente por parte de quen ten o mandato de defender e asegurar o cumprimento das leis, non esperte ningún interese nos responsábeis da Dirección Xeral da Policía, da Secretaría de Estado de Seguridade ou do Ministerio do Interior.

Por iso, Dereito Civís insta á Defensora do Pobo a actuar de maneira eficiente ante as administracións, para conseguir mudar os criterios sancionadores, de xeito que os funcionarios policiais que non porten o número de identificación persoal sexan efectivamente penalizados. 

Recentemente DC iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para que se remita á fiscalía todos os datos cecabados pola Defensro del Pueblo en relación có funcionario que non potaba a identificación obligatoria, negouse a identificarse, ameazou a persoa que lle solicito a identificación e finalmente facilitou un número falso:  https://t.co/6wXdA3JYWx

Agardando que sexa do voso interese.
Gabinete de Comunicación Dereitos Civís