Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

As cámaras de vixilancia do Parlamento gravan parte da rúa e da beirarrúa dos arredores sen que conste autorización

As cámaras de videovixilancia do Parlamento galego só teñen permiso para gravar as vías interiores e os xardíns da contorna inmediata do Pazo do Hórreo, segundo se desprende da autorización emitida pola Delegación do Goberno para a instalación deste sistema de seguridade.

Porén, as cámaras do Parlamento non só gravan o seu entorno, senón que tamén captan imaxes da beirarrúa, da rúa e da beirarrúa de enfronte, chegando mesmo a gravar a entrada de varios edificios das inmediacións do Pazo do Hórreo. É dicir, as cámaras, tal e como Dereitos Civís ten denunciado en diversas ocasións diante da Axencia de española Protección de Datos (AEPD), captan imaxes substraídas ao ámbito privado de maneira desproporcionada. 

Baixo a escusa da seguridade, a través destes sistemas de videovixilancia (de dubidosa eficacia) invádense espazos de ámbito privado e vulnérase o dereito á imaxe das cidadáns e cidadás, que a maioría das veces nin sequera son conscientes de que están a ser gravados/as. Iso sen mencionar as ducias de ocasións nas que estas imaxes captadas de xeito desproporcionado se reproducen nos medios de comunicación, obviamente sen consentimento de quen alí aparece e sen atender á normativa sobre protección de datos.

A instalación indebida das cámaras do Parlamento foi denunciada por Dereitos Civís repetidas veces, sen que a AEPD detectara ningunha infracción na captación de imaxes da vía pública sen a correspondente autorización gobernativa. De feito, a propia Delegación do Goberno solicitou no seu momento a reorientación de varias das cámaras do Pazo do Hórreo por entender que o seu enfoque era desproporcionado.

Se a institución onde reside a soberanía popular ten un sistema de videovixilancia (controlado por axentes dos corpos de seguranza e dependentes da Xunta de Galzia) que, en principio, non cumpre a lexislación vixente, nin vela polo respecto dos dereitos da cidadanía, con que autoridade moral pode unha administración pública esixir ás entidades privadas o cumprimento desa mesma normativa?

Así as cousas, Dereitos Civís vén de presentar denuncia ante a Delegación do Goberno para que faga as investigacións necesarias có fin de comprobar se o Parlamento de Galiza está cumprindo coa normativa vixente en relación coa utilización de cámaras e videocámaras.



Gabinete de Comunicación Dereitos Civís