Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

Protección de Datos impón unha sanción de 40.001€ a ABANCA por ter cámaras de vixilancia enfocando á vía pública

Logo de anos denunciando as irregularidades na instalación das cámaras de vixilancia nas oficinas das antigas caixas galegas -actualmente ABANCA- a Axencia Española de Protección de Datos vén de impor unha sanción de 40.001 euros á entidade financeira por captar de xeito desproporcionado imaxes da vía pública e vulnerar dereitos fundamentais das persoas así gravadas. Esta infracción está tipificada como grave na actual Lei Orgánica de Protección de Datos. 



A sanción fundaméntanse na existencia de varias cámaras no exterior da oficina de ABANCA da rúa García Barbón de Vigo que, alén de gravar os accesos ao edificio, están a captar imaxes de amplos espazos da vía pública e das persoas que transitan pola mesma. ABANCA non dispón de habilitación legal para realizar estas gravacións, xa que o tratamento deste tipo de datos persoais é competencia exclusiva dos Corpos e Fozas de Seguridade, que son os únicos que poden gravar a vía pública, conforme ao estabelecido pola lexislación vixente.

Segundo os datos achegados pola propia empresa, esta oficina conta con 12 cámaras de seguridade no exterior do edificio, das que, afirma, seis están inoperativas. Nas investigacións realizadas pola AEPD detéctase que das cámaras operativas, os dispositivos que dan á rúa Colón e á porta de garaxe denominada VIP rexistran imaxes de parte da vía pública, mentres que a cámara que hai entre Rosalía de Castro e Colón recolle “un amplo espazo da vía pública”; concretamente, apunta a Axencia, capta “todo o ancho da rúa”.

ABANCA, pola súa banda, pretendeu en todo momento xustificar o desproporcionado enfoque das cámaras, alegando que contaba coa autorización gobernamental pertinente. Tal autorización, describe a AEPD, refírese a un informe da Subdelegación do Goberno de Pontevedra do ano 2011, que autorizaba a entidade á exención temporal das medidas de seguridade que está obrigada a manter, con motivo dunhas obras na oficina. Como ben sinala a Axencia, “sen que poida entenderse como unha autorización para a instalación de cámaras e captación da vía pública”. Algo que parece que nin ABANCA nin a empresa de seguridade coa que ten contratado o sistema de vixilancia, BOSCH, pareceron comprender.

Por se fora pouca cousa, a entidade financeira tamén pretende defender a captación de imaxes da vía pública en base a unha suposta ameaza de orixe terrorista (aínda que non aclara se a entidade recibiu ameazas directas ou se se trata da ameaza xenérica do denominado “terrorismo global”). En calquera caso, o descaro da empresa é tal que no seu escrito de alegacións atrévense a indicarlle á AEPD que debería ter “moi en conta” esta presunta ameaza de orixe terrorista na súa seguridade, que incluso “xustificaría que se levase a cabo unha vixilancia de maior intensidade que aquela que ampara a normativa específica e xenérica sobre videovixilancia”.

É dicir, ABANCA entende que a vixilancia exterior dun edificio está por riba dos dereitos fundamentais e das liberdades civís dos cidadáns e cidadás e, xa que logo, presupón que a compañía non está suxeita ao estabelecido na lexislación vixente. Como se unha entidade privada, por moitos cartos que manexe, puidera situarse por riba da lei pola súa simple vontade, á que a administración e a cidadanía deberan someterse. Contra deste parecer empresarial só cabe referirse á recollido na propia LOPD: “... a instalación de cámaras e videocámaras deberá respectar en todo caso os requisitos esixidos pola lexislación vixente na materia”.

Aínda máis, ante o inicio do procedemento sancionador, ABANCA aduce que algunhas das cámaras captan o reflexo da vía pública nunha cristaleira e polo tanto nelas non se pode identificar ás persoas, como no caso da cámara entre Rosalía de Castro e Colón, da que ademais asegura que non se pode reorientar, recolocar ou retirar. Con esta peregrino argumento ABANCA da por regularizada a súa situación. A este respecto, a propia AEPD bótalle en cara que nin sequera valorara a posibilidade de instalar nesta cámara máscaras de privacidade que impidan a captación da rúa nunha fachada acristalada. En cambio, a entidade si reorientou outras dúas cámaras limitando a captación das imaxes a un espazo máis reducido da vía pública, pero captando igualmente parte do espazo público.

Neste senso, a AEPD tamén ten en conta para a imposición da sanción, que, a pesar das súas advertencias, ABANCA non procedeu “á regularización da situación irregular de todas as cámaras”.

Por todo isto, na resolución, a Directora Xeral da Axencia de Protección de Datos considera que “o tratamento de datos de carácter persoal derivado das imaxes captadas por ditas cámaras non resulta proporcional nin adecuado á finalidade de prevención e vixilancia de bens e persoas”. Así, acordou sancionar a ABANCA cunha multa de 40.001 euros, que pon fin á vía administrativa. Agora a entidade pode asumir os seus erros e abonar a cantidade ou pode teimar nos seus argumentos e presentar recurso de reposición ante a Directora Xeral ou directamente recurso no Xulgado Contecioso-Administrativo.

Longa traxectoria de irregularidades

Desde hai anos ABANCA (antes Caixa Galicia e Caixanova) vén afirmando -mediante informes da súa empresa de seguridade Bosch- que as cámaras de vixilancia que ten en diversas sucursais de toda Galiza non enfocan á vía pública. Exemplo son os dispositivos de varias oficinas de ABANCA en Santiago de Compostela, contra das que Dereitos Civís presentou denuncia.

Recentemente tívose coñecemento que as cámaras das oficinas das rúas Dr. Teixeiro e Montero Ríos enfocaban á vía pública de forma desproporcionada. Nos expedientes de denuncias contra esas sucursais consta que varias cámaras foron reorientadas tras da queixa á AEPD.

Esta información (á que Dereitos Civís tivo acceso grazas á normativa de transparencia, que obrigou á Axencia Española de Protección de Datos a enviar copias íntegras dos expedientes) resulta sorprendente, pois nas resolucións da AEPD non consta a detección de ningunha infracción.

Por último, informar que ABANCA de Redondela retirou as cámaras do exterior da oficina despois de informar á AEPD de que non tiña cámaras nesta sucursal.

Gabinete de Comunicación