Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

A Defensora del Pueblo admite a trámite unha queixa pola falta de identificación de axentes durante a Operación Jaro


 A Defensora del Pueblo vén de comunicar a Dereitos Civís a admisión a trámite da queixa presentada ante o sistemático incumprimento por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade de levar o número de identificación profesional nun lugar visíbel. Concretamente, a queixa de Dereitos Civís refírese a actuación da Garda Civil do pasado 30 de outubro, na que se procedeu a detención de varias persoas en distintas localidades galegas.

Como se pode comprobar nas múltiples imaxes aparecidas nos medios de comunicación, durante a actuación, os axentes non portaban a placa co número de identificación visíbel e moitos deles ían co rostro cuberto. A Garda Civil non tramitou a denuncia formulada por ese motivo.

A obriga de levar o número de identificación constitúe un dereito cidadán, cuxa finalidade é evitar que se desenvolvan actos baixo a máis absoluta impunidade e baixo o amparo do estado. Hai un lustro a propia Defensora del Pueblo formulou dúas recomendacións á Secretaría de Estado de Seguridade para que os corpos de antidisturbios leven o número de identificación na parte posterior dos chalecos e solicitando o incremento do tamaño do número de identificación da placa.

A institución tamén recomendara á Dirección Xeral da Policía Nacional a modificación dos criterios que se seguen para sancionar os axentes que non cumpren a obriga de levar sobre o uniforme, nun lugar ben visíbel, a placa co número de identificación, especialmente se concorren circunstancias que permitan cualificar a conduta como grave.

Asegura a Defensora no seu informe anual que “non portar o distintivo co número de identificación persoal supón o incumprimento dunha obriga legal, correlativa ao dereito dos cidadáns a identificar os funcionarios públicos. Cando non se dá cumprimento a dita obrigación baléirase de contido o dereito dos cidadáns e prexudícase gravemente a posibilidade de determinar a responsabilidade en que puideran incorrer os funcionarios policiais nas súas actuacións”.

O Parlamento Europeo tamén se ten pronunciado a este respecto e en decembro de 2012 aprobaba unha resolución pedindo aos estados membros que garantan que o persoal da policía de leve un número de identificación, como medida para velar polo “fortalecemento da supervisión democrática e xudicial das forzas do orde e o seu persoal”.

E é que poder identificar aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado é a única garantía que a cidadanía ten de, por unha banda, recoñecelos, e doutra, poder identificalos no caso de producirse algún comportamento irregular pola súa banda.

A pesar das recomendacións da Defensora del Pueblo seren aceptadas (segundo afirma a institución), a obriga de portar o número de placa nun lugar visíbel séguese incumprindo de xeito masivo e impune, tal e como aconteceu no caso que suscita a queixa de Dereitos Civís.

Por desgraza, esta falta de identificación permitiu que numerosos casos de abuso policial quedaran impunes ao arquivarse as denuncias por non poderse identificar aos presuntos autores.  Chega dicir que nos últimos dous anos Dereitos Civís presentou arredor de 20 denuncias contra axentes por non levar identificación, que se resolveron sen que se detectara ningunha infracción.

Dereitos Civís saúda que, por fin, a Defensora del Pueblo acepte tramitar unha queixa relativa á falta de identificación de axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade e agarda que a súa actuación abra camiño para rematar coa impunidade no incumprimento sistemático da Instrución 13/2007.