Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Defensor del Pueblo segue ignorando as queixas de preferentistas pola imposición de sancións inxustificadas

  • Das 50 sancións impostas polas subdelegacións en Galiza, soamente prosperou unha e todas as demais foron anuladas pola xustiza
Dereitos Civís vén de dirixirse ao Defensor del Pueblo para solicitar que reconsidere a súa decisión de non tramitar as queixas presentadas contra a imposición de sancións administrativas, e que posteriormente foron anuladas nos xulgados. Non se entende a postura de deixamento da institución ante os escritos remitidos cando mesmo ficou evidenciou que axentes dos corpos e forzas de seguridade falsearan os informes para facilitar a apertura de expedientes administrativos sancionadores.

Concretamente, nun dos casos anulados xudicialmente, os axentes testemuñaron que un cidadán era o promotor dunha protesta non comunicada, cando esa persoa non estaba no lugar dos feitos, senón que a esa hora se atopaba a quilómetros de distancia realizando xestións particulares tal e como puido demostrar documentalmente.

Porén, o Defensor del Pueblo negouse en todo o momento a tramitar a queixa alegando falta de lexitimidade de Dereitos Civís, e incluso rexeitou investigar os feitos cando o propio afectado lle enviou un escrito pedindo a tramitación da denuncia presentada. Hai que subliñar que este cidadán xa acudira persoalmente a Madrid para abordar co Defensor outras sancións impostas a preferentistas, recibindo escasa atención.

A este respecto, cómpre lembrar que das máis de 50 sancións impostas polas subdelegacións provinciais do goberno soamente unha prosperou, as demais foron anuladas nos recursos presentados nos xulgados do Contencioso-Administrativo. Un feito que deixa patente a existencia dunha persecución dende a administración estatal contra as protestas dos/as preferentistas.

Hai poucos días coñecíase que se acordou o arquivo dunha nova denuncia contra unha muller á que a policía denunciara por uns comentarios no seu perfil de Facebook nos que supostamente faltaba o respecto á policía local. Denuncias que os axentes non ratificaron.

Á vista dos reiterados recursos gañados polos cidadáns e cidadás sancionadas nos xulgados, e do papel asignado ao Defensor del Pueblo, parece máis que razoábel que esta institución actúe proactivamente e se interese pola veracidade das denuncias presentadas polos Forzas e Corpos de Seguridade, que derivan na imposición de sancións administrativas.

Neste senso, engadir que na xustiza pódese conseguir a anulación da multa, pero nada se logra sobre as denuncias presentadas polas Forzas e Corpos de Seguridade sen sostemento indiciario algún ou a falta de tramitación eficaz na vía administrativa dos recursos presentados ante as delegacións e subdelegacións do Goberno.

Dereitos Civís tamén pide ao Defensor que solicite á Fiscalía de Vigo que reabra á investigación por posíbel falsa testemuña dos axentes no caso do cidadán acusado de promover unha protesta cando estaba noutro lugar. No seu momento, a Fiscalía de Vigo arquivara a denuncia, informando que non actuaría até as sentenzas aos recursos das multas.

E de igual xeito, demándase do Defensor del Pueblo que se interese por se a Delegación do Goberno están dando trámite efectivo aos recursos e denuncias recibidas pola vía administrativa.