Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Defensor del Pueblo arquivou máis dunha decena de queixas que despois abriu “de oficio”

Santiago de Compostela, a 7 de abril de 2016:- O Defensor del Pueblo acumula máis dunha decena de expedientes abertos “de oficio” tras arquivar a queixa formulada polos mesmos feitos que provocaron o inicio deses expedientes. Isto aconteceu con varias denuncias formuladas por Dereitos Civís, que o Defensor rexeitou, mais que logo apareceron recollidas no informe anual como actuacións iniciadas de oficio.



Resulta estraño tamén que ao intentar consultar o trámite da queixa “de oficio” -a través da páxina web da institución- sexa imposíbel atopar ningunha información relacionada coas indagacións realizadas, a situación do expediente ou a súa resolución.

Os asuntos denunciados ante o Defensor refírense a cuestións ben diversas: dende a falsificación de sinaturas por parte de policías para sancionar a sindicalistas, até cargas contra mariñeiros de cerco, o despexo en Aríns, ou a falta de identificación dun Inspector Xefe da Policía Nacional. Algunhas destas queixas están abertas desde hai máis de un ano como expedientes iniciados de oficio.

Dereitos Civís descoñece por completo cales son as razóns que levan ao Defensor del Pueblo a rexeitar as queixas cidadás para logo tramitalas como se foran actuacións promovidas dende a propia institución.

Independentemente de que o Defensor del Pueblo decidira utilizar a información que se lle facilita para iniciar expedientes “de oficio” no lugar de tramitar a queixa que se lle formulou, resulta realmente estraño o escurantismo co que está a tramitar as mesmas e a negativa sistemática a facilitar calquera tipo de información.