Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

Dereitos Civís denuncia como censura ideolóxica prohibir o acceso de bandeiras aos estadios



  • Tanto o Valedor do Pobo en Galiza, como o Defensor del Pueblo a nivel estatal, sinalaron que o acceso de bandeiras como a “estreleira” galega non debe ser prohibida de maneira indiscriminada por razóns ideolóxicas.
  • Sen embargo o Defensor del Pueblo optou finalmente por compartir o criterio da Comisión Estatal contra a violencia
  • A prohibición ditada pola Delegación do Goberno de Madrid de impedir o acceso de bandeiras na final de Copa ten, para Dereitos Civís, un “flagrante carácter antidemocrático”.
  • DC iniciou unha campaña “porque a estreleira, a estalada e a ikurriña poden provocar altercados públicos e a bandeira española non”. A campaña pódese asinar no seguinte enderezo da rede: https://goo.gl/forms/snBnwEVfCcjM4uoo1
Santiago de Compostela, 19/05/2016.- A recente decisión adoptada pola Delegación do Goberno de Madrid de prohibir o acceso ao estadio Santiago Calderón para a final de Copa de bandeiras “non constitucionais”, entre as que se inclúe a estelada catalá ou a estreleira galega, é contraria ao exercicio da liberdade de expresión e colida cos criterios fixados a este respecto polo Valedor do Pobo galego.

Así o denuncia a Plataforma de activismo na Rede polos Dereitos Civís (DC). O colectivo refire a resposta trasladada por parte do Valedor do Pobo, con data de 23 de outubro de 2014, na que se insta ás autoridades a diferenciar aquela simboloxía que “alente a violencia, a intolerancia ou os comportamentos xenófobos”, como no caso da “simboloxía de carácter fascista ou racista”, daqueles outros “símbolos que teñen unha lectura política ou identitaria (como ocorre cunha bandeira independentista) pero que están completamente desprovistos de connotacións de carácter violento”. Neste senso, o Valedor sostén que “a prohibición da exhibición deste símbolos [bandeiras independentistas] excede con moito dos supostos recollidos de forma expresa na norma vixente que se refire, só, ás bandeiras que trasladan unha mensaxe de odio”, polo que defenden que “a retirada destes símbolos debe producirse só de xeito excepcional”. Esta resolución foi trasladada desde o Valedor ao ente homólogo de ámbito estatal, Defensor del Pueblo, por sobardar o ámbito galego.

O Defensor, en resposta a outro escrito remitido por Dereitos Civís asegurou nun primeiro momento “compartir o criterio expresado no seu escrito polo Valedor do Pobo respecto a que a limitación por motivos de orde público da liberdade de expresión, que inclúe a liberdade para portar símbolos nacionalistas o independentistas en espazos públicos, debera ser excepcional e aplicada de modo prudencial”.

Sen embargo a institución estatal optou por sumarse ao criterio da Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, que asegura que a retirada de bandeiras como a estreleira galega “non é, como regra xeral, polo seu ‘contido ou ‘significado’ senón por cuestións como, por exemplo, os seus mastros ou paus de suxeición (de posíbel uso agresivo) ou o seu material e tamaño (p.ex. que poden arder con facilidade)”. Unha explicación que DC xulga “delirante”, dado que “ese mesmo criterio podería supoñer a incautación das bandeiras do Real Madrid ou españolas, que son igual de inflamábeis e os seus mastros tamén potencialmente perigosos”.

Para a plataforma en defensa dos Dereitos Civís o escrito do Valedor do Pobo visa que a prohibición de acceder a espazos públicos con bandeiras “alegais” (por non contar con respaldo institucional) supón conculcar o exercicio do dereito fundamental de liberdade de expresión. Neste sentido, a plataforma considera especialmente grave que a decisión da Delegación do Goberno en Madrid referida á final de Copa non responda a ningún tipo de motivación de seguranza nin aos supostos recollidos na Lei 19/2007. “Trátase dunha medida política autoritaria, de censura ideolóxica, que só procura impedir que se visibilice nun estadio a pluralidade ideolóxica e identitaria que existe a nivel social no conxunto do Estado”, denuncian. DC exixe a Delegación do Goberno que retire a prohibición ditada polo seu “flagrante carácter antidemocrático”.

De non ser así DC quere coñecer os motivos polo que a simboloxía non ten o mesmo tratamento que as demasi. A simboloxía española non será prohibida a pesar de que, segundo os criterios do Ministerio do Interior, pode "provocar unha reacción adversa e violenta por parte duns sectores dos afeccionados". Neste caso, dos afeccionados do Barcelona.

Por outro lado, as bandeiras españolas non se consideran "un obxecto material que pode implicar un certo perigo en determinadas circunstancias", como si ocurre coas bandeiras galega, catalana e vasca.

Con ese obxectivo DC iniciou unha campaña para coñecer “porque a estreleira, a estalada e a ikurriña poden provocar altercados públicos e a bandeira española non”. A campaña pódese asinar no seguinte enderezo da rede: https://goo.gl/forms/snBnwEVfCcjM4uoo1.