Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Concello de Vimianzo, que asegura ter as cámaras de vixilancia apagadas, está a crear ficheiros de datos de imaxes e son

As actuacións do Concello de Vimianzo a respecto da instalación e mantemento de sistema de videovixilancia non deixan de sorprender. A aprobación na sesión plenaria da creación de ficheiros de datos para as cámaras instaladas na Casa Consistorial, no Pazo de Cultura e no Polígono industrial, resulta cando menos insólito.

Nos arquivos creados especifícase que os datos de carácter persoal procedentes destas cámaras que se incluirán serán tanto imaxes de vídeo como son. É a primeira vez que Dereitos Civís ten constancia dun Concello en Galiza que pretenda, ademais de captar a imaxe dos usuarios e usuarias, gravar o que están a falar.

A este respecto, non cómpre esquecer a polémica que rodeou a posta en marcha do sistema de videocámaras no Concello de Vimianzo, instaladas xa en 2011. Uns sistemas de dubidosa efectividade, pero que pola contra facilitan todo tipo de intromisión na privacidade dos cidadáns e cidadás gravadas e a vulneración dos seus dereitos fundamentais.

Non cómpre perder de vista tampouco que o goberno local crea agora, abril de 2016, os arquivos de datos cando non ten autorización para as cámaras dende 2014. Ano dende o que o propio Concello asegura ter os dispositivos apagados.

Hai que subliñar tamén que as cámaras están instaladas nos exteriores dos edificios mencionados e enfocan a vía pública. O Concello informa da creación dos ficheiros para a súa remisión á Axencia de Protección de Datos, pero nada aclara a respecto de se xa solicitou a autorización correspondente á Delegación do Goberno, requisito indispensábel no caso de cámaras xestionadas polas Forzas e Corpos de Seguridade e que o perdeu no ano 2014.

Dereitos Civís descoñece o interese do Concello en activar agora estas cámaras, mais anima o goberno municipal a que, primeiramente, respecte a legalidade vixente, e en segundo lugar, se busca garantir a seguridade dos bens inmóbeis e das persoas recorra a métodos máis efectivos e menos intrusivos. Métodos que de seguro atopa con só ollar para o corpo dos/as funcionarios/as da policía local.

Epidemia de cámara que non funcionan

A proliferación de cámaras de videovixilancia por parte de ducias de concellos en Galiza contrasta co feito de que estas mesmas administracións locais, ante a denuncia polas irregularidades destes dispositivos, afirman que as cámaras que enfocan a vía pública están desconectadas, sen que os cidadáns e cidadás teñan constancia efectiva de ser están a ser gravados ou non. A isto hai que engadir o feito de que a Xunta de Galiza está subvencionando con centos de miles de euros esas instalacións que non sirver para nada.

Dereitos Civís tense dirixido en multitude de ocasións á Axencia española de Protección de Datos e á Delegación do Goberno ao comprobar a existencia de cámaras de vixilancia (titularidade de administracións locais), que enfocan a vía pública, pero que carecen de autorización gobernativa ou das que non hai constancia da inscrición do ficheiro de gravacións no rexistro da AEPD. Ambos requisitos resultan indispensábeis para a instalación de videocámaras que captan imaxes da vía pública e para que se garanta o respecto aos dereitos fundamentais das persoas gravadas.

Así atopamos os casos de Melide, Ponte Caldelas, A Estrada ou Vila de Cruces. Concellos onde se instalaron cámaras de videovixilancia, pero que posteriormente afirmaron que tiñan os dispositivos apagados. Pola súa parte, a AEPD arquivou as denuncias contra estas cámaras (que non cómpre esquecer que enfocan á vía pública) dando por boa a versión municipal de que as cámaras non están operativas. 

Máis información: http://dereitos-civis.blogspot.com.es/2016/03/prolifera-instalacion-de-sistemas-de.html