Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

Protección de Datos rexeita a recomendación do Defensor del Pueblo sobre avisos de zona videovixilada

  • Entende que non é necesario o aviso previo de que un cidadán vai ser gravado para que este outorgue o consentimento inéquivoco para o tratamento dos seus datos.

Santiago de Compostela, a 19 de maio de 2016:- A Axencia española de Protección de Datos rexeitou unha recomendación feita polo Defensor del Pueblo na que instaba a institución a revisar os criterios cos que tramita as denuncias pola incorrecta colocación dos avisos de zonas videovixiladas. No seu escrito de resposta, a AEPD non só non atende a recomendación, senón que mesmo desautoriza a interpretación da normativa que fai o Defensor.

A recomendación veu motivada por unha queixa presentada por Dereitos Civís cuestionando a interpretación que a AEPD está a dar ás denuncias referidas á obriga de recoller o “consentimento inequívoco” para o tratamento dos datos persoais nas zonas con cámaras de vixilancia.

Hai que lembrar que a normativa estabelece a obriga de garantir que as persoas cuxa imaxe vai ser captada dispoñen da información necesaria para outorgar un consentimento inequívoco para o tratamento dos seus datos persoais. Esta obriga considérase cumprida coa colocación de carteis anunciando a existencia das cámaras, pois enténdese que se un cidadá informado da presenza dos dispositivos decide acceder a esa zona, está autorizando a captación da súa imaxe e a tramitación dos seus datos persoais.

A obriga de dar este consentimento tamén é a garantía de que esa persoa gravada poida exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, que posibilitan que un cidadán poida exercer o control sobre os seus datos persoais.

Porén, nas práctica diaria está comprobado que, en moitos casos, as persoas entran en recintos videovixilados sen ter coñecemento previo da existencia das cámaras, pois os anuncios son visíbeis unha vez dentro do recinto. Isto elimina, de facto, a opción de elixir se se quere outorgar ou non o consentimento inequívoco porque cando se é consciente da gravación, a imaxe propia xa foi captada.

Aínda que a normativa de protección de datos non impón que os carteis precedan ás cámaras, parece lóxico entender que non se pode ofrecer un consentimento inequívoco real se ditos letreiros non preceden á gravación. Mais parece que a lóxica, as leis e a súa interpretación non van parellos, e a AEPD entende que un cidadán si outorga o seu consentimento inequívoco se existen letreiros, aínda que estes sexan visíbeis unha vez dentro do recinto.

Coa súa interpretación, a AEPD baleira de contido a obriga de recabar o consentimento inequívoco, primando o tratamento de datos á propia autorización para que este se realice, e transformando ese requisito nun formalismo sen importancia. En ningún dos casos denunciados por Dereitos Civís, a AEPD considerou a posibilidade de impor unha amoestación, apercibimento ou recomendación para que se garantira a obtención do consentimento inequívoco previamente.

E nesta liña, vai a recomendación do Defensor do Pobo, instando a AEPD a revisar os criterios que utiliza para tramitar as denuncias pola colación de avisos de zona videovixilada e dotar dunha relevancia real a obriga de recoller o consentimento inequívoco.

Pero a AEPD desatende a recomendación e disocia a esixencia de información por parte do responsábel dos sistema de videovixilancia da obriga de recoller o consentimento dos afectados; remítese á indefinición da normativa; e mesmo chega a desculpar a presenza dos carteis de zona videovixilada unha vez captada a imaxe en supostas dificultades para colocar os letreiros.

Non parece propio que a axencia creada coa finalidade de garantir o dereito fundamental á protección de datos de carácter persoal, sexa precisamente quen interprete de maneira máis laxa á normativa. Ao contrario, de todas as institucións, debera ser a AEPD quen aplicara os criterios máis restritivos á hora de interpretar a lei, co obxectivo de garantir o pleno exercicio deste dereito fundamental. Tal e como así o entende Dereitos Civís e o Defensor del Pueblo.