Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

Concello de Cee: exemplo da ineficacia da normativa de protección de datos

- A Axencia Española de Protección de Datos volve a abrirlle expediente ao Concello de Cee
- Protección de Datos declarou infractor ao Concello de Ribeira, máis este podería volver a inclumplir a lei como está facendo o Concello de Cee.

Santiago de Compostela, a 23 de xuño de 2016:- O que está a acontecer no Concello de Cee cos sistemas de videovixilancia é o exemplo palpábel do escaso interese das administracións por cumprir a normativa en materia de protección de datos, así como da ineficacia dos mecanismos sancionadores recollidos na Lei Orgánica de Protección de Datos, pois a pesar da manifestas ilegalidades cometidas por este Concello en ningún momento foi obxecto de sanción ou amoestación.

Segundo a información remitida a primeiros de xuño do pasado ano pola Delegación do Goberno –en resposta a un escrito de Dereitos Civís-, o Concello de Cee só dispón de autorización para o uso de tres cámaras fixas limitadas estritamente á visión da fachada do edificio consistorial.

Porén, só un par de meses despois, o Concello de Cee recoñecía que o campo de visión das cámaras supera a visión da fachada do edificio, ao asegurar que se esclareceron, por medio do visionado das imaxes gravadas, denuncias por danos en bens particulares ou por danos en vehículos.

Con estes datos na man, en xaneiro deste ano, Dereitos Civís presentou denuncia administrativa polo feito de que o Concello estaría incumprindo a autorización da Delegación do Goberno ao incrementar o campo de visión das cámaras e/ou movelas. Actuacións para as que non dispón de autorización.

A pesar desta irregularidade, e de que non era a primeira vez que o Concello cometía unha infracción cos dispositivos de videovixilancia, a Delegación non entra a valorar os termos da denuncia, tratándoa simplemente como un “escrito” ou “petición” e limitándose a contestar que a administración local dispón de autorización gobernativa, sen preocuparse pola zona de gravación ou a ubicación das mesmas.

Á vista da resposta, o 20 de marzo pasado, Dereitos Civís presentou queixa ante a Delegación por non tramitar a denuncia adecuadamente e por obviar de forma deliberada que a autorización das cámaras de Cee está limitada á utilización de cámaras fixas e para a visión estrita da fachada do Concello. Unha vez máis, a situación actual da cámara non é de interese para a Delegación, que non tramitou a denuncia.

Tampouco parece resultar do interese do Defensor del Pueblo, que non ve irregularidade ningunha na actuación do Concello.

Aínda que non é o único, o caso do Concello de Cee resulta paradigmático na ineficacia e no reiterado incumprimento da Lei Órganica de Protección de Datos, unha norma que regula un grupo de dereitos fundamentais das cidadás e dos cidadás, e para os que existe unha axencia específica de vixilancia con capacidade sancionadora. Porén, vulnerar estes dereitos parece que sae gratis ás administracións.

Hai que lembrar que hai uns catro anos constatouse unha flagrante violación da lexislación vixente–coa consecuente vulneración de dereitos fundamentais- por parte do Concello de Cee con estes dispositivos. O goberno municipal comezou a gravar a vía pública sen ter a autorización gobernativa pertinente, sen informar da existencia das cámaras na vía pública, e sen ter sequera rexistrado o arquivo de gravacións na Axencia de Protección de Datos.

Logo de meses de denuncias na Delegación, en Protección de Datos, ou o propio Concello, a resolución non puido ser máis desalentadora: a AEPD arquivou o expediente que tiña aberto, aínda que ficou demostrado que se estaba a gravar a vía pública, que non había rexistro de gravación e que o Concello tardou oito meses en “legalizar” a súa situación cando a propia Axencia lle dera de prazo un mes.Pola súa banda, a Delegación do Goberno acordou autorizar finalmente as cámaras, a pesar de seren instaladas sen a previa autorización -algo expresamente prohibido pola lei- e sendo coñecedora da ilegalidade cometida.

En todo momento, o Concello de Cee fixo o que lle pareceu e vulnerou a lei ao seu gusto, sen sufrir ningún tipo de consecuencia.

Continuamente, vemos como cámaras instaladas sen ningún tipo de autorización son legalizadas “a posteriori”. Para Dereitos Civís esta circunstancia constitúe unha invitación á colocación ilegal deses dispositivos, pois en caso de sexan denunciados, a administración titular non recibe ningunha amoestación, sanción ou reprimenda.