Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Concello de Compostela incumpre a recomendación do Valedor do Pobo sobre publicidade estática e négase a facilitar información

Santiago de Compostela, a 8 de xullo de 2016: - Un ano despois da suposta aceptación por parte do Concello de Compostela da recomendación feita polo Valedor do Pobo sobre cumprimento da Ordenanza de Publicidade Estática, o goberno municipal continúa sen respectar o estabelecido en dita norma. 

O pasado ano o Valedor do Pobo remitiu unha recomendación ao Concello sobre a falta de reserva de espazos de comunicación social nos valados das obras, tal e como prevé a ordenanza municipal. Daquela o Concello de Compostela respondeu á institución que aceptaba a recomendación e que esixiría aos promotores que habilitaran nos cercos das obras un espazo específico para a colocación de carteis ou anuncios destinados á comunicación social.

Porén, transcorrido máis de un ano, resoluta imposíbel encontrar unha soa obra en Santiago de Compostela que cumprira o afirmado polo Concello na resposta ao Valedor, na que presuntamente aceptaba a súa recomendación. É dicir, o goberno municipal continúa sen cumprir co previsto na Ordenanza de Publicidade Estática.

E por se fora pouco, ademais, cando Dereitos Civís se interesa polo número de expedientes abertos por incumprimento da obriga de dispor destes espazos ou pregunta á administración pola súa disposición a cumprir co previsto na ordenanza municipal, a resposta do Concello limítase a non facilitar a información solicitada.

Con silencios e negativas á dar información é como entende o goberno municipal que debe ser a transparencia na xestión administrativa e a atención á cidadanía? Dereitos Civís insta ao Concello a que, se verdadeiramente quere falar de cambios e transparencia na xestión, non só cumpra co estabelecido na ordenanzas municipais, senón tamén responda con claridade e rapidez ás demandas dos seus administrados e administradas.