Este é o blog de Dereitos Civís. Podes visitar a páxina clicando na imaxe

O Xulgado Instrucción investiga a falta de identificación de funcionarios policiais

  • A investigación iniciouse tras unha denuncia diante da Dirección Xeral de Policía que a arquivou sen sancionar a un axente que non portaba a identificación, negouse a facilitala e finalmente deu dous números de identificación falsos.
  • Un vídeo recolle a súa negativa e a actitude ameazante do policía ao lle ser solicitada a súa identificación por parte de varios cidadáns.
  • O Xulgado de Instrucción 3º de Santiago solicitou informes ao Defensor del Pueblo e á Xefatura Superior de Policía en Galiza
Santiago de Compostela, 28/07/2016.- A Plataforma de activismo na Rede polos Dereitos Civís (DC) denunciou perante a Xustiza a negativa dun axente da policía nacional a facilitar o seu número de identificación. Os feitos tiveron lugar o 26 de febreiro de 2013 durante a celebración dunha concentración. Varios dos cidadáns participantes solicitaron ao axente denunciado que se identificase, ao que se negou optando por facilitarlle até dous números de identificación falsos. Aliás, o axente, en represalia por esa solicitude decidiu denunciar a unha das persoas por unha infracción tipificada na chamada Lei Mordaza. A situación foi recollida nun vídeo publicado na Rede (https://www.youtube.com/watch?v=iUMvR_V13Qw)

Esta actuación foi obxecto de denuncia diante da Dirección Xeral de Policía , quen decidiu arquivala sen aplicar ningunha sanción ao axente considerando que se trataba dunha infracción leve. Isto provocou que se presentase unha queixa diante da Defensora do Pobo. A institución resolveu recomendar que se considere falta grave a actuación do axente. Na resolución da Defensora recóllese expresamente que “cando un funcionario policial non leva de maneira visíbel na súa uniformidade o número de identificación persoal, os cidadáns ten que solicitar que se identifique, o que lles priva do seu dereito a identificalo sen necesidade de realizar ningunha acción positiva de demanda. En algunhas ocasións, como ocorre no presente caso, a solicitude de identificación dirixida a un funcionario policial leva aparellada unha reacción deste en prexuízo do cidadán que a solicita".

A resolución da Defensora insta á dirección xeral de Policía a "modificar o criterio que se segue para sancionar os incumprimentos polos funcionarios policiais da obriga de levar sobre as súas prendas de uniformidade o número de identidade persoal en lugar ben visíbel, especialmente cando, adicionalmente, concorran circunstancias que permitan cualificar dita conduta como grave".

Con base nestes antecedentes, Dereitos Civís presentou unha denuncia diante do Xulgado de Instrución de Santiago de Compostela, ao considerar que os feitos poden ser constitutivos de delitos de prevaricación, ameazas e coaccións para impedir o exercicio dun dereito fundamental. A demanda está presentada contra o axente e tamén contra o director xeral de Policía, e outros funcionarios da policía e do ministerio do Interior que puideran resultar responsábeis durante a investigación.

Para Dereitos Civís esta caso volve demostrar a situación de indefensión da que é obxecto a cidadanía face os abusos e incumprimentos legais por parte das forzas policiais. Neste senso, a plataforma denuncia a conivencia do ministerio do Interior con este tipo de prácticas que son sistematicamente consentidas con impunidade.